Mostrando entradas con la etiqueta Club de Lectura. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Club de Lectura. Mostrar todas las entradas

Relatos de Samaín

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega, Biblioteca e Club de Lectura vimos de organizar sesións de lecturas  de medo ou misterio durante os recreos da semana do Samaín. 

O Club de Lectura reuniuse unha tarde para poñer a biblioteca a punto con candeas, cabazas, arañeiras, morcegos... e nos recreos alumnado e profesorado acompañaron os usuarios da biblioteca con historias coma:
 "O lobo da xente" de Vicente Risco, "Sobre a morte do Bieito" de Rafael Dieste , "O pozo do inferno" de Heraclio Pérez Placer  ou "A casa do medo" de Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa, entre outras.

Día do Libro. Compartindo lecturas.

O Club de Lectura Mareira voltou ao veciño CEIP As Bizocas para compartir lecturas polo Día do Libro. 
Falamos, compartimos preferencias e lemos xuntos un anaco desde infantil ata 6º. Con cada grupo, o alumnado do club tivo unha experiencia lectora diferente, percatándose das diferentes capacidades de atención, a importancia das imaxes e a tonalidade, etc.      
E coma sempre, resultou unha actividade moi enriquecedora e inesquecible para todo o alumnado, maiores e pequenos. 
Moitas grazas aos membros do club e ao profesorado do CEIP sempre dispostos a recibirnos!





Visita Eva Mejuto

O pasado 11 de abril tivemos ocasión de coñecer e conversar con Eva Mejuto, autora do libro "22 segundos" que tivo tan boa acollida entre o alumnado de 3º ESO e o club de lectura
Falounos de todo o proceso creativo: como xurdiu a idea, xente que coñeceu para informarse do tema, persoas que tiveron gran influencia na creación dos personaxes, decisións que tomou sobre o formato, etc. 

Mágoa que só puidemos compartir unha hora con ela. Esperamos que nos volva visitar, quizais coa súa nova obra "Memoria do Silencio", da que tamén nos fixo unha pequena presentación. Por certo, xa está dispoñible na biblioteca!   




Día de Rosalía

A biblioteca e o club de lectura volvemos colaborar co EDLG coma o curso pasado para conmemorar o Día de Rosalía repartindo pequenos fragmentos da súa obra entre alumnado e profesorado que tiveron que memorizar para participar no sorteo do recreo do luns 25. 

A gañadora dunha camiseta de Rosalía foi Ania de 1ºB que recitou sen problema os seus versos:

Si cantan, es ti que cantas;
si choran, es ti que choras;
i es o marmurio do río,
i es a noite, i es a aurora.

Parabéns!

Samaín en BiblioBizocas

Como cada ano, o alumnado do club de lectura e moitos outros voluntarios ambientamos a biblioteca para o Samaín con cabazas, arañas e arañeiras, esqueletes e cunha selección de medo de libros e relatos

Ademais algúns membros do club de lectura fixeron unha lectura pública no recreo do día 31 na biblioteca. O relato escollido foi "O Corazón Delator"de Edgar Allan Poe.

Aquí deixamos unhas fotos para o recordo...


Día do Libro II

O xoves seguinte ao Día do Libro quixemos compartir lecturas tamén cos nosos pequenos veciños do CEIP As Bizocas, e con este xa van catro anos!

Desde o alumnado de infantil ata os maiores estiveron por todo o cole compartindo lecturas en pequenos grupos co alumnado do noso club de lectura e os voluntarios de 4º. 

Rematamos a xornada xogando tod@s no patio e facendo unhas fotos para o recordo no noso photocall de lectores.

Moitas grazas á biblioteca e profes do CEIP pola súa colaboración e perfecta organización!  

O próximo ano máis e mellor!


Clicade nesta imaxe para ver un pequeno vídeo da xornada.









Día do Libro

Para celebrar o Día Internacional do Libro a biblioteca Bizocas e o club de lectura puxemos a gran parte do alumnado e profesorado a compartir lecturas. 

Por unha banda, organizamos un "amigo invisible" entre o profesorado como vén sendo tradición xa no noso centro. No recreo do 23 de abril cada un recibiu o seu libro-agasallo. 

Xusto despois o Club de Lectura xunto cun grupo de voluntariado de 4º ESO dirixímonos ao CEIP Valle-Inclán para compartir máis dunha hora de lecturas e experiencias co alumnado de 6º de primaria. 

Presentámonos na súa biblioteca e sorteamos as parellas de lectores e lectoras, que podían escoller o seu recuncho favorito do patio para conversar e compartir os seus libros preferidos. Logo, xa se foron facendo pequenos grupos e rematamos a xornada tirando unhas fotos nun divertido photocall de disfraces.  

Pasámolo tan ben que sen dúbida esperamos volver repetir para o 2019! E como proba disto, podedes ver as fotos nun vídeo ao clicar na seguinte imaxe...







Visita de Ledicia Costas

O luns 12 de marzo celebramos un encontro especial na biblioteca Bizocas: a escritora viguesa Ledicia Costas veu a charlar co alumnado de 2º e 3º ESO que veñen de ler as súas obras, Unha Estrela no Vento e O Corazón de Xúpiter, respectivamente. 

Non gozamos de todo o tempo que nos gustaría pero foi suficiente para comentar os seus libros, a súa labor como escritora, os seus premios e recoñecementos, anécdotas e temas de actualidade...

Algúns membros do club de lectura encargáronse de darlle presentación e de despedila como se merece. Ademais tiveron a sorte de compartir con ela os seus gustos e recibir recomendacións de lectura que de seguro imos seguir. 

Moitísimas grazas, Ledicia!




Día de Rosalía

Como xa saberedes, o vindeiro 24 de febreiro celebramos en Galicia o Día de Rosalía. A biblioteca e o Equipo de Dinamización do centro queremos sumarnos a esta conmemoración repartindo versos da nosa escritora entre a comunidade educativa.


O venres 23 o alumnado do club de lectura Mareira e do EDLG, ademais de termos  xa axudado, a facer un cartel para actividade, serán ademais as e os encargados de facer o reparto de versos-rifa durante o recreo


Gardade o que vos toque pois o luns seguinte no segundo recreo faremos un sorteo e a persoa gañadora deberá recitar de memoria os seus versos para recibir un agasallo conmemorativo. 

MOITA SORTE!

Gañadores do Concurso de Acrósticos

O pasado 10 de novembro durante o magosto entregáronse os premios do Concurso de Acrósticos de Samaín convocado polo EDLG.

De 1º e 2º o gañador foi Alejandro Beltrán de 1ºA cun doble acróstico: 



E entre os de 3º e 4º o acróstico seleccionado foi o de Laura Cousido de 4ºB, alusivo ás raíces desta festa: 



Moitas grazas por participar!!


Samaín en acróstico




O club de lectura xa se encargou de ambientar a biblioteca para o Samaín, así vos inspiraredes mellor para crear os vosos acrósticos e presentálos ao concurso que organiza o EDL.



Consultade aquí as bases que foron publicadas no blog "Son de Linguas". Tedes ata o 3 de novembro para entregar o voso poema nos recreos na biblioteca. 





ARRANCAMOS!!

Benvid@s a un novo curso en Bizocas!

Esperámosvos na biblio para coñecer as novidades que vos traemos e para participar en próximas actividades e concursos

Xa temos tamén á vosa disposición as lecturas obrigatorias e voluntarias de cada materia.

Proximamente entregaremos aos novos  usuarios os seus carnés lectores que teñen de protagonista a nosa recén chegada mascota, Tinta Nejra, e recibiredes unha sesión de formación de uso da biblioteca nas titorías. 

Lembrade ademais que o club de lectura Mareira tamén comeza en outubro as súas reunións!! Todos os recreos dos mércores na aula de informática. 

Esperámosvos!!



Gañadores do concurso de Novela Negra

E despois dunha semana de intriga, pistas ambigüas e hipóteses de todo tipo, xa temos equipo gañador da investigación dos crimes: 3ºB!
Aquí vos deixamos un cadro coas puntuacións dos informes entregados, a solución e algunhas fotos. 

Equipo de investigación
Entrega
Puntos
3ºB – Sherlock Holmes
1 hora
8,5 + 1 (entrega)
1ºA – Irene Adler
24 horas
8
3ºA – August Dupin
3 días
7
2ºB – Miss Marple
2 días e 4 horas
6
2ºA – Hercules Poirot
4 días
4


Finalmente, Raquel González foi a que lle dou a Hannah Johnson unha infusión de herbas caseira con máis ingredientes dos que indicaba o envoltorio e a arma homicida que acabou coa vida de Pepa Besteiro foi un atlas medioambiental que Raquel tratou de agochar nos andeis de relixión. E todo porque nas súas clases Hannah e Pepa estragaban todo o papel que se podía reutilizar tirándoo polo chan, centos de bolas de papel sen desfacer acababan na papeleira de reciclaxe, etc. Tantas horas de traballo tratando de concienciar sobre a importancia da reciclaxe e o coidado do medioambiente!! Xa está ben!!